Conversas con Estraviz
Pasaron
xa 27 anos desde que coñecín a Estraviz numha charla que nos deu na Escola
Universitaria de Ourense. Dese primeiro encontro lembro que nos falou da
identidade das linguas Galego e Portuguesa cunha naturalidade pasmosa. Tiñao
tan claro, que fiquei pensativo cando ouven que tiña o mellor dicionario galego
que existía e que poucos foran de llo
valorar e de dalo a coñecer. Por isa inxustiza aparente decidín coñecelo
persoalmente. Quería experimentar se estaba diante dun fachendoso sen prestixio
ou se pola contra era todo unha eminencia desprezada e rexeitada. O tempo pasou
paseniño e o segundo encontro aconteceu nas XII Jornadas do Ensino en Ourense
que convocaba a perto de 200 profesores en exercicio. Estraviz falaba galego e
escribía dun xeito diferente á norma oficial, poren o máis chocante non era
iso, senón que non impuña a ninguén a súa norma. Con explicala era dabondo para
entendela e aceitala. Pouco a pouco comezei a ler en portugués sen grandes
dificuldades e a día de hoxe, penso que as teses de Estraviz vanse cumplindo
pouco a pouco. Estou certo que el gostaría que fosen máis rápido, mais a loita
aberta contra o reintegracionismo chegou a un punto morto, cunha nova mudanza
nas normas oficiais. Palabras que antes eran proibidas agora son normativas…
non deixa de ser unha curiosidade!.
Con esta
pequena introducción intento demostrar que o livro “Conversas con Estraviz” do
que é autor Bernardo Penabade, é un volume imprescindible para entender a
reconstrucción da lingua e da cultura galega. Digo reconstrucción e quizais
habería que chamarlle... tempo perdido, quen sabe?. Con todo e a pesares do
acontecido, Estraviz nunca perdeu a esperanza de ver ao pobo galego, livre das
ataduras alleas, que o separan da súa propia identidade que é a lingua. E para
iso traballou arreio e segue a sementar a súa vida pola Galiza. Eu procuraba
unha resposta á miña pregunta inicial e descubrín en Estraviz un talento galego
sen precedentes. Agora de pouco valen os recoñecementos se non proveñen dos
seus amigos.
Na
apresentación do livro do que falo houbo moitas cousas a salientar. Entre
cantiga e cantiga de Zeca Afonso interpretado polo grupo “Terra Morena”, ademáis
de parabens e mostras agarimosas, houbo tempo para denunciar en público aos
traidores da Nosa Terra. Estraviz non deixa títere con cabeza cando fala
daqueles que anteponen os seus intereses persoais á lingua e ao país galego.
Nen a igrexa maioritaria se salva das súas teses. Ao mellor estilo de Hans
Küng, lamenta estar rodeado de persoas que non levan o Evanxeo á súa faceta
máis prática, seguindo afastados do pobo galego. Deste modo, conversar con
Estraviz sempre foi e sigue sendo, unha oportunidade excelente para aprender a
amar o noso país, desde a esencia do nacionalismo e desde o cerne espiritual
esquecido no tempo. Por iso estou convencido que en cada momento histórico
aparece un Prisciliano, un Zuinglio, un Lutero, un Estraviz, que fai que se
repita o proceso da Reforma en cada lugar onde é preciso. Todos gardan un
factor común que os caracteriza como homes comprometidos que acreditan no que
fan, na procura da xustiza. Se esa mesma seguranza presidira as nosas vidas,
pode ser que tiveramos máis problemas que os de agora, certo!, pero é seguro
que chegariamos a ser un pouquiño máis livres do que sempre fomos. Esta
liberdade ten un alto prezo, e son poucos os bos e xenerosos, que a procuran
para os demais. Dun dos grandes xa falamos hoxe, con letras ben grandes.
Comentarios