Un ano sen Marcos

Odía 5 de decembro fixo un ano que Marcos Valcárcel partiu a unha viaxe sen retorno que todos temos que facer, máis tarde ou máis cedo. Por iso quero lembrar hoxe a súa personalidade, que lle levou á achegar a moitos máis dos de sempre, a paixón pola literatura e pola lingua galegas. Para buscar un símil, escoito ao mesmo tempo que escrebo aos mestres franceses de clave Gaspard Le Roux, Rameau e Duphly. Foi alá polo século XVIII cando a vida musical saíu da corte de Versalles e localizouse en moradas privadas, nas que os músicos convidaban a amigos e coñecidos para presentarlles a músicos e cantantes virtuosos. Este feito fixo que a cultura musical se reflectise na sociedade con forza e se consolidase máis tarde, a pesar da decadencia dos mecenas. Marcos Valcárcel era doutor en Historia Contemporánea e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, porén sempre quixo achegarse máis aos seus alumnos do Instituto da Carballeira, que á posibilidade de ocupar un cargo de prestixio nunha das universidades galegas. O feito de escribir unha historia de Ourense en pouco máis de 60 follas, con rigorosidade e precisión, denota que os seus alumnos eran o primeiro. Era máis importante chegar ás xentes, aos adolescentes, aos discentes, e pensar neles, que construír unha peza única que poucos puideran entender. Marcos tiña capacidade dabondo para as dúas cousas, e fixo a primeira, pensando sempre nos demais. Con todo, e aproveitando a ocasión, aínda quedan moitas cousas por reivindicar da figura e obra de Marcos. O seu libro publicado en 1987 pola Deputación de Ourense, presidida daquela por Victorino Núñez, sobre a prensa en Ourense e a súa provincia, hoxe esgotado, debería ser revisado e reeditado por quen corresponda. Por outra parte, quero lembrar as palabras de Antonio Piñeiro, que hai un ano pedía nun artigo-homenaxe que o edificio cultural da Deputación de Ourense levase o nome de Marcos Valcárcel, para que 'a súa integridade intelectual continuase alimentando a nosa ourensanía', ou as palabras de Xavier Limia cando destacaba a mirada de Marcos a carón do monumento de Bóveda. Doente e con moito esforzo, Marcos sabía que tiña que estar ese día da homenaxe a Bóveda.


Marcos Valcárcel ficará na memoria dos ourensáns se somos capaces de telo presente nas nosas vidas. Porque o referente da vida cultural de Auria é aquel que non quere apropiarse do feito de selo. Marcos pode seguir sendo un exemplo para nós, xa que nunca tentou mostrarse como tal e sempre traballou con todos os que quixeron aprender del. Por iso, e por todo o legado cultural e humano que nos deixou, dedico estas letras a todos os seus verdadeiros amigos que lle mostraron o seu afecto, tantas veces, de moitas formas, e mil conversas infinitas onde mellor gozaba?, sempre en Auria.

Comentarios

Entradas populares de este blog

EXPOSICION DOS COLPORTORES

Passamento de Marcos Valcarcel no Natal 2010