Unha axuda para o traballo do entroido

Sempre pensei que facer un traballo sen gañas ou interés por facelo eraunha perda de tempo. Ofrezo aos meus alumnos e alumnas un texto que poden usar para ampliar coñecementos sobor deste asunto tan cheo da ideosincrasia dos galegos.

A FESTA POPULAR DO ENTROIDO


Mudar o ensino e mudar a escola é un reto para os tempos actuais, nos que case todos comparten a idea que ensino e escola están en crise. Por diferentes motivos, máis especialmente porque hoxe a escola non responde ós intereses da sociedade actual e as necesidades máis perentorias. Existe xa un proxecto de reforma educativa para todo o sistema de ensino no noso país, que se poderá converterse en realidade, sempre e cando sensibilicemos adecuadamente ó profesorado e á sociedade da necesidade de reformar o ensino. De facer da escola un lugar no que tanto alumnos como profesores se sintan máis alegres. En definitivo: de Mudar a escola e mudar as actitudes dos profesores. E isto tanto na primaria como na secundaria, e incluso na Universidade. Por iso é necesario reciclar os profesores especialmente en canto a darlles a coñecer a mellor maneira de motivar ós alumnos. E en canto en darlles a coñecer o mellor xeito de levar a vida a escola e a escola a vida.



O entroido na escola

Galiza, é en particular Ourense, é un lugar onde debido a nosa rica cultura popular, os profesores de primaria e secundaria poden facer das súas aulas e da súa esc ola algo máis vivo, facendo actividades en tódalas áreas do ensino arredor dos temas da nosa cultura, da nosa etnografía e da nosa riqueza artística. Temos os galegos (os galegos ourensáns) o ciclo anual de festas populares mais rico do mundo, e o mais completo:os magostos, o natal, os reis, os maios, as fogueiras de S. Xoán, etc. E tamén o entroido (antroido ou entrudo) que celebramos. E que, como todos sabemos varía na súa celebración cada ano. Algúns centros de ensino –Lamentablemente non todos celebran esta festa popular pola sensibilidade do seu profesorado ou da súa correspondente APA. Máis son menos os casos nos que esta festa popular de entroido se estudia a celebrar na amplitude do senso que ten dentro da nosa cultura. E para lograr que así fose moito poderían e deberían facer os correspondentes concellos, as APAS e as institucións pedagóxicas e educativas.









Arredor do entroido.

A festa do entroido é un tema ou unidade didáctica que da pe para organizar, nos centros de ensino de calquera nivel, unha grande cantidade de actividades pedagóxicas. De tal xeito que poderán colaborar para organizar as mesmas todos e cada un dos profesores que nun centro educativo existan, sexan da área ou da disciplina que sexan. O profesor de Ciencias Sociais ocasión para estudiar etnográfica e historicamente o tema, o seu valor cultural e civico-social e tamén, a “xeografía do entroido” estudiando as zonas e comarcas nas que se celebra en Galiza. O profesor de Ciencias Naturais pode estudiar cos seus alumnos as comidas típicas da época, cos seus ingredientes peculiares. O de Lingua e literatura pode aproveitar a festa para facer lecturas sobre o tema e para que os estudiantes elaboren coplas do entroido e fagan composicións escritas. O de matemáticas pode organizar problemas sobre a festa: custos, gastos dos disfraces, cantidade de xénero para os mesmos, etc. O de expresión artística ten un fermoso campo para organizar actividades: Elaborar artísticos disfraces, carautas, deseños, a carroza do do enterro da sardiña, representacións teatrais, cantigas, pezas musicais, etc. Sempre tomando como tema a festa. E o de educación física organizando xogos populares, marcando itinerarios de marchas para as comparsas, etc. E incluso pódense elaborar vídeos, facer diapositivas e fotografías sobre o entroido. Ou tamén organizar exposicións a festas nas que se presenten as características do entroido de Laza, de Verín, de Viana, de Xinzo, Maside, de Amoeiro, de Castro Caldelas, de Rivadulla, etc.

Dende o concello.

O papel dos concellos para recuperar e manter viva esta estupenda festa do noso acervo cultural é decisivo. Sempre e cando teñan claro que son os nenos e nenas de EXB, os rapaces e rapazas de secundaria e os xoves de ambos sexos dos centros universitarios, ós que no futuro teñan que manter acesa a luz da nosa cultura. Por iso evidentemente o lugar idóneo para intervir é o ensino e as escolas. Os estudiantes deberán coñecer primeiro e comprender despois o ciclo anual das nosas festas populares. Adquirindo o verdadeiro sentido da festas, para que non se reduza a un mero acto festivo desligado de todo concepto.

A festa popular neste caso o entroido- ten un sentido dende que aconteza ata que remata, ten un sentido dentro do ciclo anual, ten un sentido cultural e etnográfico, ten un sentido histórico e artístico… Por iso convén ver a festa con sentido global e celebrar cada un dos pasos da festa (quinta feira – xoves- de comadres, de compadres, domingo corredoiro, domingo fareleiro, etc.) co orde natural co que se celebra. E o rapaz exprésase sobre a festa a partir de todas as linguaxes: verbal, numérica, plástica e dinámica, realizando múltiples actividades en todos os ámbitos curriculares. Os concellos e os consellos escolares deberían preocuparse porque esta festa (e logo tamén outras como a dos maios ou magostos) se organizase de xeito cooperativo e global, para acadar ó final o obxectivo de que nenos e mozos coñezan con toda amplitude a festa, a vivan, a aprecien e finalmente, despois de recuperala, a manteñan no futuro.

Claro que para iso, como para outro tipo de campañas pedagógico-culturais, sería necesario que as concellerías de cultura, ensino, xuventude e deportes, foran unha mesma e funcionarán os consellos escolares e culturais municipais. Só así poderían organizar as cousas adecuadamente e de xeito integrado.





1.- ORIXE E SIGNIFICACIÓN DAS FESTAS DO ENTROIDO.

O carnaval en Galiza recibe os nomes de Antroido, Entroido, Entrudo e outras variantes que proveñen do latín “Introitos”. O seu significado é “entrada” na primavera, no tempo da semente. Antes do período de vixilia despídese das carnes ata o ciclo da Pascua.

O nome “Entroido”, a través da referencia as máscaras, empréganse tamén para sinalar as persoas esfarrapadas, grotescas, gordas, etc.: “estás como un entroido”.

Carnaval, pola súa parte, provén do italiano “carnevale” e este do antigo “carne levare”, isto é, “sacar a carne” no principio da Coresma. Outro significado viría tamén do latín “carrus navales”, “carroza decorada” que sairía en desfile durante eses días.

A orixe da festa pérdese na noite pecha dos tempos inda que parece crara a súa vinculación con celebracións agrarias, coincidentes con equinoccio da Primavera, que viñan dende a Prehistoria. Co paso dos séculos enriquecéronse e misturaronse con elementos romanos, cristiás, medievais,…

O Entroido é a celebración que fai o mundo rural do “ANO NOVO” que comezaba antigamente coa primavera (marzo), a despedida do inverno chea de sentido purificador (lume, auga); un desfacerse do vello para entrar con forza no novo, na orde, na harmonía.

A Festa do Entroido hoxe ten dúas manifestacións:

- a celebración na rúa (máscaras, comparsas,…);

-a celebración gastronómica (o porco e derivados).



2. CICLO DO ENTROIDO; A SÚA DURACIÓN.

O entroido forma parte do ciclo anual de feitos naturais ou astrolóxicos que coinciden co ritmo dos traballos no campo. Así os equinocios de primavera e outono e os solsticios de verán e inverno terían que ver co tempo da arada e laboura (ou preparación do campo), sementeira , da colleita, da vendima, dos magostos, etc. Estes traballos celébranse no mundo rural coas festas correspondentes do Entroido, Os Maios, O San Xoán, Os Magostos,… nas que se tenta entrar purificado no período que comeza, e isto conseguirase a través de símbolos naturais (auga , lume). Serven tamén a festas para darlle maior cohesión e orde á comunidade (relación, crítica social, iniciación da mocidade, etc.).

O tempo de Entroido abrangue entón as dúas semanas e media anteriores ao mércores de cinza, sendo os días máis sinalados os seguintes:

Domingo Fareleiro ou Borralleiro: E día de troula e trapalladas. Bátense latas, pandeiros e cencerros, os mozos botan farelo, fariña,… en riba das mozas, algúns din que como símbolo de fecundidade, e ás veces cinza, o que levará a liortas “festivas” entre mozos e mozas.

Róubanse cancelas e apeiros de laboura. Día de divertimentos, mensaxeiro da Festa.

Outra das variantes do farelo, fundamentalmente entre estudiantes, é a dous “burros”, figura esta que se trataba de colocar ou pintar nas costas das persoas.

O Xoves de Compadres: O seguinte ao domingo fareleiro. Os mozos pelexan coas mozas para quitarlles un boneco feito por elas. Se o conseguen queimarannos. Parece simbolizar todo isto a loita polo poder entre os dous sexos.

Domingo Corredoiro ou Cacheleiro: Medra a troula do domingo anterior. Mozos e vellos botan fariña, borra, ovos, formigas, auga con xiringas, etc. Por riba da xente, o que obriga a levar paraugas inda que faga sol.

Conservase nalgúns lugares o “xogo das olas ou cachelas” que consiste nunha roda de homes e mulleres que andan a tirarse a ola entre eles, rindo do que a deixar caer. Segundo os historiadores podería ser un xogo fecundativo ou productor de choiva.

Outro xogo ou ritual propio deste día é a “corrida do galo”. Aínda que ten moitas variantes locais ven sendo así: O galo sabendo o que lle vai pasar canta doído

“aquel día tan funesto/Domingo de corredores

que en quitándome a cabeza/ comeranme os señores”.

Consistía nunha longa carreira tras o galo ata que se sacrificaba e ía parar ao caldeiro de quen acadaba collelo. Este era xogo de rapaces da escola, familiares e veciños; despois o mestre ou os rapaces nomean Rei e Raíña de galos entre os compañeiros.

O Galo deixaba un “testamento” repartindo ben o que tiña:

“Deixo as plumas do corpo/por seren as máis honestas,

para as mociñas de moda/se afeitaren polas festas”.

O xoves de Comadres: Os mozos facían a boneca de palla vestida con roupa roubada ás mozas e pendurábana dun pao no medio do pobo. No intento das mozas por rescatala chégase a loita corpo a corpo sen reparos. Se non o conseguisen queimaríase.

Domingo de Entroido: Dende o domingo ata o martes son os días de culminación do Entroido. Durante os mesmos case todo está permitido; nun ambiente de ruptura das formas sociais, pódese criticar, facer entroidadas, manchar, etc., pero igualmente rexen leis populares como a que di que os que traballan nestes días serán castigados a pagar o viño; ou aquela outra que lles dá ás máscaras un rango especial de xeito que ninguén pode descubrilas, nin pórse no seu camiño,…

Este domingo de Entroido sae a “mula falsa” de Castro Caldelas que tira ao que se lle monta, e a vaca “morlena” ou “morena” de Laza que baixando dende o monte escorna e empurra a xente, descubrindo a orixe agraria destas festas como un símbolo da natureza desatada que chega á comunidade.

Martes de Entroido: É o día do “Folión” final, o ruído dos instrumentos máis insólitos (botellas, tixolas, cacerolas, … ) fan a ledicia de todo o pobo que se despide do Entroido na mesa a fartarse de porco.

Nalgúns lugares aparece o “Meco” ou representación viva do Entroido feito de palla ou trapo, imaxe do inverno que morre e será queimado ou lanzado ao río –afirmando o carácter cíclico da Natureza, o eterno retorno. Deixa “o Testamento”, tamén chamado “Testamento do Burro” no que se critican autoridades, homes, mulleres e nenos coa intención de purificar os costumes sociais do pobo, actor e espectador da Festa.





3. ELEMENTOS DO ENTROIDO.

A.-As Máscaras:

Saen dende o domingo de Entroido. Poden ser feitas de distintos materiais e formas que varían segundo os lugares.

Ás máscaras recoñécenselle, uns dereitos, adquiridos por tradición popular: terán dereito de paso, farán percorridos sinalados “de antergo”, non poderán ser descubertos por ninguén, etc. A súa orixe é variable, máis sempre moi antiga.

Pódense salientar as seguintes:

-Os “Cigarróns” de Laza e Monterrei: Tamén chamados “peliqueiros”, “murrieiros”, “choqueiros”, “felos”, “charrúas”,… Traxe: Pantalón de lá fina con flocos, faixa, tamén chaquetiña curta, camisa de seda branca, garabata con broche de ouro, pano tamén de seda e cinco ou seis grandes cencerros ou “chocas” na cintura que fan un sopro particular ao movérense e danzaren os cigarróns. Máscara: Feita de madeira cun sombreiro grande no que están pintados animais feroces, ou o sol, e a lúa. Todo o conxunto expresa agresividade, rango, autoridade. Atributos: Látego con fitas de coiro curto, ou unha vexiga de porco para bater na xente. Orixe e función: Uns sitúan a súa orixe nos cobradores do Conde de Monterrei; outros remítense a Prehistoria falando de sacerdotes de antigas culturas baseándose na súa danza ritual de brinquiños e marcha rápida. Teñen dereitos e percorridos que todos respectan. As familias convídannos a comer e beber podendo eles zorregar co látego a quen se opón ou entorpece o seu camiño. Parecen simbolizar a autoridade, o poder, a orde.

Os cigarróns non falan, camiñan a brincos ou bailando, facendo soar as chocas e pegando aos que se atopan. Ninguén lles pode tocar, aínda que si insultar

-As “Pantallas” de Xinzo de Limia: Os seus traxes son: calzas de lá branca, camisa branca, capeliña vermella da que penduran cintas e por riba da faixa vermella ou azul dúas tiras de campaíñas ou chocas que moven de xeito característico, ritmicamente. A máscara: componse de careta de madeira e un gorro que semente frixio ou romano. Atributos: Vinchas (vexigas) de porco cheas de fariña ou cinza coas que fan ruído e arremeten contra a xente. Oríxe e función: Non se sabe a orixe; dise que son medievais. Arremeten coas vinchas aos que os molestan. Poden facer pagar o viño aos veciños. Van en parellas ou grupos pequenos.

-Os “Madamitos” e “Madamitas” de Cotobade: Xeralmente son os mellores bailadores da parroquia. Levan o mellor vestido que acharon na casa e uns sombreiros (sombreiros altos os “Madamitos”). Bailan elegantemente coa súa parella, moi serios.

-Os “Boteiros” ou “Piliqueiros” de Viana: Ao traxe dinlle de Esquilas. Leva chaqueta de moitas cores facendo debuxos xeométricos, calzas vermellas e botas altas negras. Máscara: Careta de madeira con cornos dos que sae un sombreiro moi alto decorado, adornos, fitas, … Na cintura levan as chocas que tocan ao xiraren a cintura ritmicamente. Atributos: Un pao alto ou pértega coa que realizan grandes saltos acrobáticos. Orixe e función: A orixe descoñécese. Sacan a bailar ás mozas botándolles fariña como símbolo de fecundidade.

-As Máscaras que representan os “oficios”: Inverten ou caricaturizan as súas funcións (un barbeiro pode levar unha vasoira de xesta figurando a brocha; o sacamoas unhas enormes teazas de ferreiro, etc.).

-As “Máscaras a Cavalo”: “Os Felos de Garabás”. (Maside, Carballiño): Cobren a cara e levan uns pantalóns de bó xénero, con galóns. Corren sobre mulas ou cavalos ao galope. Levan longas fitas de papel que tiran contra as mozas. Os “Lanceiros” de Cotobade: Levan roupa de militar de gala: Mantón atravesado nas costas e capa vermella, na cabeza un pucho de cartón trapezoidal cuberto de papel de seda e adornado con fitas. Cobrénse con careta e tocan grandes cornos chamando as mozas.

-As “Máscaras de Bestas”: “A Morena ou vaca Morlena” de Laza: A cabeza é unha máscara de vaca con hastas reais que baixa do barrio de Cimadevila embestindo á xente.

“Inda que chova/Inda que neve/ a “morena” a sair”.



“A Mula Falsa”: Dous mozos cunha manta de cavalo por riba fan a mula. O dianteiro leva a cabeza de palla ou cartón. Visten polainas semellando as patas das mulas e dando patadas aos que soben en riba. “A Cabeza de Touro”. Feita cun armadelo de pao cuberto de pelica de ovella e con cornos de vaca. Os mozos levanta na cabeza para saír a botar as formigas.

B.- As “Momadas”, “Cortexos”, “Comparsas” e “Coplas do Entroido”:

Son feitos colectivos de expresión que critican a vida da comunidade no sentido individual e colectivo, destacando nelas a ironía e o humor. Poden tomar forma de representacións teatrais curtas.

-As “Momadas” e “Cortexos” (Cotobade, Pontevedra,… ): Van en grupos todas as máscaras do lugar; diante os lanceiros, abrindo paso. No final xúntanse nun sitio determinado para representaren unha farsa ou peza teatral na que se critican feitos da aldea.

-O “Testamento do Burro” (Laza, Verín,… ): Faise no martes de Entroido un documento versificado en galego que sintetiza e critica os feitos do pobo durante o ano que remata (o ciclo natural acaba en Febreiro). O testamento coincide coa queima do “meco” ou inverno.

-“Os Sarcasmos, Pullas e Entroidadas”: Burlas e bromas ante calquera feito ou anedota teñen tamén sentido de crítica individual ou social.

Salientamos en A Coruña os “Apropósitos”.

-O “Carro do Entroido”: Carrozas moi adornadas con flores, ramallos, fitas, etc. Que fan unha “batalla de flores”.

C.- O Meco:

É unha personificación do Entroido, do inverno que morre. Sempre antes do domingo de Entroido faise un meco de palla vestido como peta e de tamaño natural. Está exposto ao pobo e o martes é queimado despois de levalo en procesión e de ler o seu “testamento”. Algunhas veces entregase o Meco a unha familia infecunda.

O lume, rito principal do Entroido é común en toda Europa e ten un sentido purificador, máxico. Pódese queimar o Meco o Mércores de Cinza e chámase entón “O Enterro da Sardiña” cunha simboloxía máis cristiá: cregos e monxes enterran o “Santo Entroido”despois dun sermón ou “testamento” cheo de crítica social.







D.- A gastronomía:

As comidas destes días son un elemento máis de festa. Todo o exceso e abundancia terá xustificación nestes tempos ata a entrada na Coresma ou período de vixilia que rematará na Pascua.

“Adeus Martes de Entroido/adeus, meu amiguiño,

ata Domingo de Pascua/non comerei máis touciño”.

O porco preparado de todos os xeitos é o compoñente principal da comida de Entroido. Dise popularmente “ao porco aprovéitaselle todo, ata o nome para chamarlle a determinadas persoas”.

“Cachucha”, “Cabeza de porco”, “Chourizo”, “Morcelas”, “Botelos” (Estómago de porco cheo de cachos de carne), “Xamón”, “Lacón”, “Costela”, “Rabo”, “Orella”, etc. Na compañía inseparable dos grelos ou cimos.

Os sobremesas: “As filloas”: Feitas no ferro o una pedra e recheos as veces de touciño ou lambetadas, levan na súa composición ovos, fariña, leite e algunhas, sangue do porco. “As orellas”, “Flores fritas”, “Chulas”,… son sobremesas que varían segundo as zonas.



4.- SIMBOLOXÍA DOS ELEMENTOS DO ENTROIDO:

No carnaval permítese a inversión ou troco da orde social. Regresase a un caos primitivo que fai posible voltar de novo á harmonía despois duns ritos de purificación (auga, lume).







UNIDADE DIDÁCTICA SOBRE A FESTA DO ENTROIDO



ACTIVIDADES EDUCATIVAS E CULTURAIS.

A.- As festas como elemento motivador do traballo escolar.

E xa normal o ir escoltando que a escola debe estar vinculada ao medio social no que está inserta, o que quere dicir que, se esa comunidade celebra algunha festa, esta non pode quedar marxinada ou ignorada nos momentos nos que se está nas aulas. A escola que ten por tarefa importante a de socializar ao neno. Axudalo á comprensión do seu medio sociocultural, non debe esquecerse a reflexión sobre as festas desa comunidade; neste caso, das festas do Entroido. Será un medio, e moi importante, de axuda para que os nenos comprendan mellor a función da festa, a súa historia, as características locais da súa parroquia, vila, cidade, etc. Polo mesmo será labor obrigado dos ensinantes o dispor a actividade docente de tal xeito que os seus alumnos adquiran tamén “cultura do Entroido”.

Tampouco deberemos esquecer que a escola debe ser animadora cultural desa comunidade e, polo mesmo, promotora e divulgadora des festa.

Dado que os nenos manifestan sempre grande ledicia e interese polas festas do seu medio, esta ocasión non debe desperdiciarse polo que podemos converter esa festa nun centro de interese de man dunha programación globalizada, o que favorecerá e reforzará as diversas aprendizaxes que os ensinantes procuran ao por en relación as actividades de preparación desa festa coas funcións e contidos de cada materia ou área.

Polo mesmo será necesaria programación conxunta de todo o colectivo de emigrantes dese centro, curso, etc. Para vincular as posibles tarefas cons obxectivos fixados ao comezo do curso. A festa do Entroido, neste caso, pasará así a unificar as actividades dese centro de ensino durante un certo tempo.





B.- Obxectivo:

As festas de Entroido axudarannos, xa que logo, a conseguir os seguintes obxectivos, ademais dos ligados ás actividades específicas que desenrolemos dentro de cada materia ou área:

1.- Devolverlles a identidade cultural aos nenos.

2.- Criar valores de pertenza e solidariedade coa comunidade.

3.- Facerlles ver aos nenos a riqueza e o valor da cultura popular.

4.- Axudar a por en práctica instrumentos e metodoloxías de análise da realidade.

5.- Desenrolar a súa creatividade ao deberen manipular creativamente os diversos materiais necesarios para a festa.

6.- Logras unha comprensión da súa historia, situación actual e perspectivas futuras para a súas comunidades.



C.- Actividades que se poden realizar em relación co Entroido nas diversas áreas do ensino.

-Recollida e análise de refráns, coplas, pullas…

-Análise de vocabulario relacionado ca festa do Entroido.

-Creación de refráns, coplas, pullas, testamentos, poemas, pareados, textos libres, etc. Por parte dos propios alumnos.

-Exercicios de recitado e declaración sobre textos e temas relacionados co co entroido (disputas humorísticas, discursos no enterro da sardiña, por ex.).

- Técnicas diversas de impresión do material recollido ou elaborado.

- Correspondencia escolar con outros centros da comarca, de Galiza, DE Portugal ou doutras nacións onde se celebre o entroido.

- Elaboración dun xornal monográfico sobre o entroido no que participen profesores e alumnos.

- Realización de redaccións e composicións escritas sobre a festa do entroido.

- Facer lecturas de textos de Risco, Otero, Cuevillas, Fraguas, Taboada Chivite, Xoaquín Lourenzo, Caro Baroja, etc. Que traten da festa do Entroido.

- Elaboración de ornamentos diversos (para máscaras, disfraces, carrozas, pratos gastronómicos, comparsas, etc.).

- Realizar problemas de distribución temporal (por ex. O entroido dun calendario de festas populares).

- Problemas de distribución especial, de medias (para fabricar carrozas, máscaras, disfraces, etc. Ou de distancias a percorrer coas comparsas, por ex.).

- Cálculos de duración das actividades do entroido.

- Cálculos sobre o número de calorías dos ingredientes das comidas diversas e típicas da festa popular do entroido.

- Realizar problemas de áreas e volumes de figuras xeométricas e corpos xeométricos utilizados en disfraces, pantallas, carautas, etc.

- Construcción de disfraces, carautas, monicreques, pantallas, turuleques, fantoches, mecos, espantallos, etc.

- Aplicación de diferentes maquillaxes.

- Construcción de decorados diversos, para comparsas, carrozas, carretas, carroza do enterro da sardiña, etc.

- Deseño e modelado de aspectos relacionados co entroido: desfiles de comparsas, traxes, cigarróns, etc.

- Elaboración artística dun calendario do ciclo anual das festas populares, incluíndo o ciclo do entroido.

- Deseño de adhesivos alusivas á festa.

- Realización de diapositivas e fotografías sobre a festa, desloándose a zonas nas que se celebre (rúas de Ourense, rúas de Verín e Xinzo, Laza, etc.).

- Realización dun vídeo da festa do entroido no centro de ensino ou fora.

- Visión da montaxe audiovisual do entroido de Laza realizada polo Obradoiro Galego de Creación Audiovisual.

- Realizar unha exposición de fotografías cuxo tema sexa o entroido. E tamén un mural do entroido.

- Realizar exercicios de danzas e movementos típicos.

- Dramatizacións diversas: escenificar o enterro da sardiña, entremeses, regueifas, parodias, propósitos, etc.

- Dramatizacións de oficios diversos propios de comunidade empreñando ferramentas típicas doutras profesións.

- Representación teatral dalgunha obra de Gil Vicente relacionada co carnaval ou algunha farsa para fantoches ou turuleques de Blanco Amor.

- Organizando unha comparsa percorrer as rúas do pobo ou da cidade.

- Exercicios de ritmo con esquilas ou chocas, cencerros, tambores, chincallos, relas ou carracas, potas, latas, castañolas, castañolas de puño, chicotes, maracas, reques-reques, asobíos, etc.

- Exercicios de voz: berros, cambios ou ocultacións de voz, etc.

- Exercicios de canto con cantigas populares galaico-portuguesa e recollidas de cantares.

- Análise dos diversos sons e músicas típicas do entroido.

- Realización de varios xogos populares galaico-portugueses: a billarda, corrida de zancos ou andas, corrida de sacos, corrida de cántaros, a chave, a rá ou sapo, a pita cega, etc.

- Elaboración dun estudio monográfico no que se analice socio-históricamente a festa popular do entroido.

- Procura de información sobre o entroido en documentos escritos, gráficos, audiovisuais, orais, etc. Analizando a autenticidade, coherencia, veracidade, prexuízos; etc. Das fontes.

- Estudio comparativo do significado do entroido e diferencias con outras aldeas, comarcas, rexións, nacións, países, etc. Tanto históricas como actuais.

- Elaboración dun mapa do entroido no que se recollan as zonas do mundo nas que se celebra o entroido.

- Realizar unha monografía sobre as características do entroido na comarca onde está situado o centro escolar.

- Realizar un estudio sobre as relacións sociais que se establecen no entroido: familiares, veciñais, etc.

- Creación dun museo etnográfico sobre o entroido na localidade.

- Estudio no que se analice a relación entre a festa do entroido e as outras festas do ano coas estacións climáticas (paso do inverno á primavera, espertar da natureza, despedida do inverno, etc.).

- Estudios científicos sobre a auga, a fariña, as formigas, o lume, cinza, bosta, combustión… como elementos naturais que forman parte da festa.

- Análise dos elementos gastronómicos típicos do entroido: a súa composición , valor alimenticio, sanitario, etc. (o porco e as súas partes, os grelos, as filloas, etc.).

Relación entre as festas do entroido e o porco, realizando estudios diversos sobre a súa alimentación, fisioloxía, conservación, etc.

-Analizar as influencias que os diferentes xeitos e utensilios de cociña ten nos alimentos.

- Elaboración e degustación dos pratos típicos do entroido, partindo de receitas coñecidas.

- Análise das distintas variedades dun mesmo prato.

- Realizar un estudio sobre a relación entre as festas populares no seu ciclo e o ano litúrxico.

- Analizar as relacións humanas que se establecen na festa do entroido, valorando os aspectos comunicativos e de cooperación.

- Estudio do valor da festa para a propia cultura, que debe ser asumida polos estudiantes.

- Estudio do carnaval como momento previo á entrada na Coresma e Semana Santa.



















DOUS XOGOS POPULARES…



O RABO DO BURRO

Ora aquí temos nós outra brincadeira moi divertida, en que poden participar barios amigos.

Nunha folla de papel deseñase un burro sen cauda. Colócase o deseño nunha placa de esfavorite e fixase ese conxunto nunha parede.

Córtanse, en seguida, barios bocados dunha corda, para servir de rabos, distribuídos polos participantes. Na extremidade de cada corda enfiase un alfinete.

De ollos vendados e partindo a tres metros do deseño, cada un procurará espetar o rabo no burro, máis no lugar certo.

Os outros, en canto non chega a súa vez, divírtense cas visitacións e co sitio, posiblemente disparatado, que o participante irá escoller .

Gaña quen acada acertar no local correcto ou de ficar máis próximo.



CORRIDA DE ZANCOS OU ANDAS (MOLETAS OU XIOLA)

1.- Os concorrentes deberán trazar as andas.

2.- A altura mínima para o apoio dos pés será de 30 cm.

3.- O percurso e distancia da corrida serán definidos pola organización.

4.- Ao inicio da proba, deberá voltar ao punto de partida todo o concorrente caia das andas.

5.- Nesta 1ª eliminatoria ficarán automaticamente apurados metade dos corredores: + 1 que terminen a proba. Para os eliminados haberá unha segunda proba que, nos moldes anteriores, apurará máis metade dos concorrentes.

6.- Toparanse os tres primeiros unha proba final.

Os romanos chamaban ás andas “grallae”, palabra da familia de “grus”, “timo de gropu, ave pernalta”. As andas (molestas por xiolas, como tamén se designan en Tras-os-Montes) chegarán a ser usadas antigamente para unha danza ritual de iniciados en certas prácticas relixiosas. Comprendese que así fose, pois as andas dan a quen as emprega un aspecto de maior altura, idea ligada á de dignidade. Tamén, para o mesmo efecto, os actores gregos calzaban coturnos na representación das traxedias.

O pobo terá inventado as andas por necesidade de atravesar ribeiros e maizais, serventía que aínda se mantén onde faltan poldras ou pontes.



BIBLIOGRAFÍA SUMARIA

Risco, Vicente: “Etnografía-Cultural espiritual” en Historia de Galiza dirixida por Otero Pedraio, tomo 1, Ed. Nós de B. Aires, pads. 611 a 637.

Veiga de Oliveira, Ernesto: Festividades cíclicas em Portugal. Portugal de Perto, edit. Publicacións Dom Quixote, Lisboa 1984.

Lourenzo Fontes, Antonio: Enografía transmontana. Vilar e Perdizes )Portugal) 2 tomos.

Leite de Vasconcelos: Etnografía portuguesa Lisboa, Edición facsimilar.

Cabral, Antonio: Jogos Populares Portugueses. Porto, Ed. Domingos Barreira, 1985.

Tarrío Fernández, José Antonio: As festas populares dos magostos, o entroido e os maios no ensino.





Comentarios

Eva Patinho ha dicho que…
Marabillosa entrada!!!

Encántame como plantexas os distintos traballos que se poden levar a cabo, e sobretodo como destacas a importancia de celebralo na escola, porque eu cheguei aquí buscando precisamente eso, xa que na escola das miñas fillas deixou de celebrarse esta e as outras festas populares coma o magosto, e precisamente buscaba algún texto que reflexara o que eu digo, a importancia de que a escola participe da conservación das tradicións.

Moitas grazas por toda esta información.

Entradas populares de este blog

EXPOSICION DOS COLPORTORES

Passamento de Marcos Valcarcel no Natal 2010