Conversas con Estraviz



                                                                           

            Pasaron xa 27 anos desde que coñecín a Estraviz numha charla que nos deu na Escola Universitaria de Ourense. Dese primeiro encontro lembro que nos falou da identidade das linguas Galego e Portuguesa cunha naturalidade pasmosa. Tiñao tan claro, que fiquei pensativo cando ouven que tiña o mellor dicionario galego que  existía e que poucos foran de llo valorar e de dalo a coñecer. Por isa inxustiza aparente decidín coñecelo persoalmente. Quería experimentar se estaba diante dun fachendoso sen prestixio ou se pola contra era todo unha eminencia desprezada e rexeitada. O tempo pasou paseniño e o segundo encontro aconteceu nas XII Jornadas do Ensino en Ourense que convocaba a perto de 200 profesores en exercicio. Estraviz falaba galego e escribía dun xeito diferente á norma oficial, poren o máis chocante non era iso, senón que non impuña a ninguén a súa norma. Con explicala era dabondo para entendela e aceitala. Pouco a pouco comezei a ler en portugués sen grandes dificuldades e a día de hoxe, penso que as teses de Estraviz vanse cumplindo pouco a pouco. Estou certo que el gostaría que fosen máis rápido, mais a loita aberta contra o reintegracionismo chegou a un punto morto, cunha nova mudanza nas normas oficiais. Palabras que antes eran proibidas agora son normativas… non deixa de ser unha curiosidade!.

Con esta pequena introducción intento demostrar que o livro “Conversas con Estraviz” do que é autor Bernardo Penabade, é un volume imprescindible para entender a reconstrucción da lingua e da cultura galega. Digo reconstrucción e quizais habería que chamarlle... tempo perdido, quen sabe?. Con todo e a pesares do acontecido, Estraviz nunca perdeu a esperanza de ver ao pobo galego, livre das ataduras alleas, que o separan da súa propia identidade que é a lingua. E para iso traballou arreio e segue a sementar a súa vida pola Galiza. Eu procuraba unha resposta á miña pregunta inicial e descubrín en Estraviz un talento galego sen precedentes. Agora de pouco valen os recoñecementos se non proveñen dos seus amigos.



            Na apresentación do livro do que falo houbo moitas cousas a salientar. Entre cantiga e cantiga de Zeca Afonso interpretado polo grupo “Terra Morena”, ademáis de parabens e mostras agarimosas, houbo tempo para denunciar en público aos traidores da Nosa Terra. Estraviz non deixa títere con cabeza cando fala daqueles que anteponen os seus intereses persoais á lingua e ao país galego. Nen a igrexa maioritaria se salva das súas teses. Ao mellor estilo de Hans Küng, lamenta estar rodeado de persoas que non levan o Evanxeo á súa faceta máis prática, seguindo afastados do pobo galego. Deste modo, conversar con Estraviz sempre foi e sigue sendo, unha oportunidade excelente para aprender a amar o noso país, desde a esencia do nacionalismo e desde o cerne espiritual esquecido no tempo. Por iso estou convencido que en cada momento histórico aparece un Prisciliano, un Zuinglio, un Lutero, un Estraviz, que fai que se repita o proceso da Reforma en cada lugar onde é preciso. Todos gardan un factor común que os caracteriza como homes comprometidos que acreditan no que fan, na procura da xustiza. Se esa mesma seguranza presidira as nosas vidas, pode ser que tiveramos máis problemas que os de agora, certo!, pero é seguro que chegariamos a ser un pouquiño máis livres do que sempre fomos. Esta liberdade ten un alto prezo, e son poucos os bos e xenerosos, que a procuran para os demais. Dun dos grandes xa falamos hoxe, con letras ben grandes.   

Comentarios

Entradas populares de este blog

EXPOSICION DOS COLPORTORES

Passamento de Marcos Valcarcel no Natal 2010