Artigos de educaciom: Publicado na revista Saudiña


A revalorización dos valores


Nota: Neste artigo empregouse a norma oficial do galego



Con frecuencia escoitamos que os valores que esta sociedade ten estanse perdendo día a día, ou que simplemente carece deles pero en poucas ocasións apórtanse datos concretos en relación a que valores estamos a falar. Cando unha sociedade está dirixida por uns responsábeis que apoian a liberdade de pensamento, sen ligazóns sectarias algúns sectores sociais fan un pendón das inxustizas e un facho dos desacertos do presente, contraposto co estado bucólico do pasado. Nada máis lonxe da realidade. A sociedade está formada por individuos e moitas veces se estamos en contra, estaremos enfrontándonos a nós mesmos. No ámbito educativo, cada vez é máis complicado dar aulas!, pero detrás de cada alumno/a que non ten un bo comportamento, hai, nun alto tanto por cento, unha traxedia persoal, familiar e social. A falla de comunicación entre docentes e alumnos, entre pais e fillos, entre algunhas Administracións e os profesores, entre persoas con responsabilidades de dirección e traballadores, provoca en moitos casos a busca das solucións nos amigos.Algúns pais, cando chegan á casa e acontece algún conflicto teñen varias opcións: copiar o modelo de como os educaron a eles os seus pais, consentirlle todo o que os pequenos queren, chamar a algún amigo para seguires o seu consello ou no mellor dos casos votar man dalgún libro versado en educación. Hai tamén os que lle trasladan o problema aos avós ou os que intentan imitar a unha SÚPER NANNY pseudoamericana (á española), como resolución salvadora dos problemas de convivencia cos seus fillos. Ante esta situación, os mestres teñen máis traballo que facer e menos obxectivos alcanzables, debido á continxencia que supón ter no aula nenos cun conflicto familiar acusado ao vivir cada día unha forte presión, desde diferentes frontes, que imprime neles uns valores que contraveñen o que as nais e os pais predican, cando en realidade así o fan.

A Amizade
O afecto persoal desinteresado e fortalecido co trato a través do tempo é a verdadeira amizade.
Neste valor compre aclarar varios puntos característicos:
· A amizade é bondadosa e sinceira.
· A amizade e cordial e xenerosa.
· A amizade desenvólvese plenamente na madurez da persoa.
· A amizade alégrase da prosperidade do outro.
· Se hai confianza mutua, a amizade estará baseada na discreción e a transparencia.
· A liberdade da un froito chamado amizade.
· Se hai diferencias que crean dependencia, submisión ou temor a amizade corre grave perigo e deixa de ser verdadeira.

Habitualmente escoitamos que as persoas din: ¡Vou cos meus amigos!. Quizais sexa unha frase feita pero afortunadamente aínda existen bos amigos e bos exemplos de amizade. No valor da amizade vai implícito o valor dos valores, tronco común dos demais que ten a sociedade, o respeito. Respeito significa “mirar ao teu redor”, e dicer, decatarme de que non estou eu só a hora de facer algo. Hoxe dicimos que non hai respeito, aínda que cada un de nós, de cando em, vez miramos só o noso obxectivo sen ver a quen temos ao redor. Confundimos respeito con urbanidade ao poñer sempre o exemplo de que ninguén cede un asento cando vas no autocar; e se cada un cedese un pouco dos seus dereitos todo había de ser máis xusto.
Estes e outros valores desenvólvense no ámbito da liberdade, pero educar persoas libres implica que os resultados han depender da súa vontade e non da nosa. Nas relixións o resultado está determinado, a persoa non é libre, esta atada a ritos, a normas, a dogmas; nun principio pode parecer que os valores veñen dela, máis cando miras o atraso que proben da submisión e do sometemento a calquera relixión denominada cristiá ou non –cristiá decátaste que em nome de Deus fixéronse as maiores atrocidades da Historia e dáste conta que desde a liberdade hai éxito e valores. A manipulación do Cristianismo em estado puro (a mensaxe de Jesuscristo) mudouse nun monstro de relixións e os valores primarios da liberdade e da libre elección pasaron a ser de aleccionamento e desvalorización.




A SINCERIDADE: UN VALOR RECOÑECIDO

Cando nos ocupamos dun valor de fácil asimilación pero ao mesmo tempo de clara manipulación e abuso e corremos o risco de pasar por alto a importancia que supón o empregalo con regularidade . Cada persoa ou grupo social ten a súa propia escala de valores: algúns céntranse na orde, outros na estética, na honestidade, na paciencia, no respeito ou na urbanidade, pero todos tenden a dicer que a sinceridade é común aos seus principios fundamentais como persoas, ou polo menos interactúa cos demais. “Dígocho sinceramente…!!!”. “Mira, vou ser sincero…”, “… este é un pouco… pero a verdade é que foi sincero…”. En cantas ocasións nos topamos con expresións como estas?, iso non debera ser algo negativo se en realidade a sinceridade fose parella á veracidade.
As persoas menten, algúns menten moito, e a manifestación pública do sentir de cada un e do pensamento interior, pode ser empregado en contra, nun ambiente enrarecido pola manipulación. A grande paradoxa está ao constatar que a convivencia está fundamentada na veracidade dos demais. Se desconfiamos de tódalas persoas crendo que nos han enganar, será imposíbel convivir socialmente. Coa práctica da sinceridade, e asumindo as consecuencias de que os demais nos poidan mentir, hai excelentes resultados coa práctica deste valor. Cando vemos a traxectoria dunha persoa transparente, é dicer, que ten o valor da sinceridade, case de inmediato acreditamos nela e nas súa promesas. “ A primeira vez que me enganas é culpa túa; pero a segunda vez, é culpa miña”, así expresa esta situación un aforismo árabe, por iso acreditar de novo nos que nos mentiron unha vez é moi complexo, e supón un risco que poucas persoas están dispostos a asumir.

Existen tamén os que alardeando de sinceridade chegan a ser senvergoñas e imprudentes, dicindo o que non deben, para por en evidencia a outras persoas ou para obter información que corresponde á intimidade do individuo. A sinceridade ten uns límites que teñen moito que ver coa veracidade. Hai verdades que non se poden dicer abertamente xa que a ferida que produce é maior ao obxectivo que persigue, e neste mundo no que estamos existen valores que superan, en tódolos casos, o da sinceridade, como son: o dereito á Vida, o Respeto aos demais e o Amor.

Aínda pode haber oportunidade para adquirir os valores parcialmente acadados. Joham Vicente Viqueira dicíalles aos xovens na súa obra póstuma que leran poesía. Repetíao unha e outra vez, que de certo había espertar neles a sensibilidade polas cousas. Quizais non chegue soamente con iso, máis desde a nosa sociedade plural, tolerante e libre teremos opcións para enchernos dos valores que tanto reclamamos e que outros nos negaron, aínda que, paradoxicamente, se nos queira facer crer que daquela si que os había e que agora perdémolos. Unha cousa si perdemos, o ser escravos dunha soa idea que nos ataba e agora xa sabemos vivir sen ataduras.


(*) Membro do Consello Escolar de Galiza e Secretario da Federación Galega de MRPs.

Comentarios

Entradas populares de este blog

EXPOSICION DOS COLPORTORES

Passamento de Marcos Valcarcel no Natal 2010